Sunday 05 de May de 2024

De Vacas porá o colofón á Festa do Pan de Neda 2023


O cuarteto galego presentará o espectáculo “Rebovina Divas Live”

A música volverá ser peza clave na Festa do Pan de Neda. E así, a tradicional cita de exaltación do produto estrela da gastronomía local, contará como broche de ouro co concerto de De Vacas. O grupo chega a vila coa súa nova xira, “Rebovina Divas Live”, unha homenaxe ás mellores voces femininas da música pop mundial, coa perspectiva humorística e irreverente da formación.

O cuarteto, que trunfou no seu paso pola “Noite de bolos” do 2019, volve a Neda o 3 de setembro cun espectáculo, recentemente estreado, que constitúe un percorrido polas cancións de mulleres que puxeron banda sonora ás nosas vidas.

No repertorio do concerto, que contará coa coidada escenografía habitual do grupo, non faltarán imaxinativas versións, nas que alteran a letra, de éxitos de Whitney Houston, Céline Dion, Mónica Naranjo, Beyoncé e máis doutras vocalistas célebres.

De Vacas, coas harmoniosas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, acompañadas pola guitarra de Guillerme Fernández (ex-Berrogüetto), actuará partir das 19.30 horas. O grupo leva xa oito anos de actuacións e éxitos, como o acadado co seu viral “Amodiño”.

Variedade musical

Non será a única aposta musical desta edición da Festa do Pan de Neda. Así, na sesión vermú contarase cun grupo que forma parte da historia musical de Ferrol dende finais dos anos sesenta, nada menos que Los Zares. Ademais, Berros do Castro e Os Tabernícolas de Ferrol ocuparanse da animación musical pola mañá e á tardiña, respectivamente, e Pakolas presentará o show infantil “Rockeando coa Ramona pequena”